Galego  Español  Português  English  Français
Asociación
Publicacións
Actividades
Recursos
Fotografias
Contacto
 buscar
 
  Quen Somos

EDUCADORES/AS POLA PAZ é un colectivo de profisionais do ensino de todas as etapas educativas así como de persoas preocupadas pola educación integrado desde a súa fundación no Movemento de Renovación Pedagóxica (MRP) NOVA ESCOLA GALEGA. É o grupo, organización ou colectivo de Educación para a paz en funcionamento máis antigo non só de Galicia senón de toda a península ibérica. En efecto, algúns dos seus membros comezaron as súas actividades de educación para a paz no curso 1981-82 e o grupo fundouse no ano 1983 na cidade de Vigo a iniciativa de dous educadores membros de Nova Escola Galega, Manuel Bragado e Xesús R. Jares. Este último será o seu Coordinador desde a súa fundación deica a actualidade.

1. OS FINS DO GRUPO SON:

    • Sensibilizar sobre a necesidade de incorporar nos proxectos educativos de todas as áreas e niveis educativos os valores da paz, a convivencia democrática, os dereitos humanos e a solidariedade.
    • Impulsar os tres niveis de achegamento á paz: a investigación, a acción e a educación para a paz.
    • Crear e facilitar materiais didácticos relacionados coa ampla cosmovisión da paz.
    • Espallar a cultura de paz asentada na vivencia dos dereitos humanos, na xustiza social, no desenvolvemento sostibel e na democracia.
    • Difundir o compromiso coa defensa da língua e cultura galegas.
    • Fomentar a xestión democrática dos centros.
2. CLAVES:

Tres claves caracterizan o traballo de EDUCADORES POLA PAZ desde a súa fundación en 1983:
    • En primeiro lugar a independencia de calquer partido político, sindicato, confesión relixiosa ou institución.
    • En segundo lugar, o estar asentados desde o inicio das nosas actividades no concepto de paz positiva. En efecto, a paz non a asociamos como antítese da guerra senón ao de violencia, dado que a guerra non deixa de ser un tipo de violencia organizada. E a violencia non é somente a violencia física, directa senón tamén as chamadas violencias estructurais e culturais que están presentes nas sociedades, dentro e entre estados. Por eso cando falamos de paz, estamos a pensar nas desigualdes de poder; nas oportunidades de vida distintas; na distribución desigual dos recursos; na vulneración de todos e cada un dos dereitos humanos, etc. En definitiva, a idea de paz aparece inexorablemente unida á de xustiza; desenvolmento; solidariedade; dereitos humanos; liberdade; democracia; etc.
    • En terceiro lugar, o compromiso. Compromiso coa paz e a nonviolencia; compromiso coa defensa de todos os dereitos humanos para todas as persoas; compromiso coa transparencia e en contra de calquer forma de corrupción; compromiso coa búsqueda da verdade e en contra de todo tipo de mentiras e de manipulacións; compromiso co apoderamento de base das persoas e das organizacións cívicas; comrpmiso cunha educación de calidade e democrática.

Copyright © 2008 Educadores Pola Paz | Aviso Legal