
EDUCADORES POLA PAZ é un grupo formado dentro do Movemento de Renovación Pedagóxica NOVA ESCOLA GALEGA (NEG). NEG fundouse en xuño de 1983 na capital de Galicia, Santiago de Compostela. Os membros fundadores de Educadores pola paz tamén foron previamente fundadores de NEG. Como MRP estamos inmersos na renovación pedagóxica, na democratización dos centros e na galeguización do ensino.
FINS
Os fíns de NOVA ESCOLA GALEGA son:
1. A procura e a elaboración de prácticas educativas que tomen en conta todos os aspectos físicos, afectivos, sociais e intelectuais da personalidade das persoas en formación.
2. A definición e loita por unhas condicións necesarias para unha pedagoxía alternativa orientada desde o Proxecto ou Modelo de Escola Pública que preconizamos.
3. A modificación dos perfís profesionais dos educadores, desde a óptica dunha nova profesionalidade afastada de visións tradicionalistas e autoritarias.
4. A batalla contra a cultura prefabricada, case sempre imposta aos alumnos e alumnas sen deixarlles a posibilidade de verificar e de comprender criticamente o conxunto de achegas culturais.
5. A inculturación galeguizadora e a loita pola normalización lingüística en Galiza.
6. A busca dunha concepción curricular e formativa unitaria, interdisciplinar e integradora.
7. A procura dunha xestión democrática das institucións educativas, que sexa unha efectiva xestión social anti-autoritaria, anti-burocrática e anti-corporativa.
8. A afirmación da laicidade da educación pública ou sostida con fondos públicos, da coeducación, da promoción da igualdade e da integración das diferenzas; é dicir, unha educación efectivamente democrática e democratizadora, como parte dunha sociedade democrática e socialmente avanzada.
ACTIVIDADES
NOVA ESCOLA GALEGA conta con diversos grupos de traballo (orientación, literatura infantil, educación infantil, etc.). Un dos seus grupos é EDUCADORES POLA PAZ. Organiza diferentes actividades, xornadas, cursos, congresos, etc.., participa en diferentes organismos pedagóxicos –como a Mesa Estatal de MRPs, a FIMEM, etc.-, edita a Revista Galega de Educación, ten publicados diferentes libros e documentos, etc.
MÁIS INFORMACIÓN:
Nova Escola Galega Rúa Betanzos 1, 1º 15703 Santiago de Compostela
Tel/Fax 981 562 577
Correo-e: neg@mundo-r.com -
http://www.nova-escola-galega.org
|